Thursday 09 de May de 2024

A Xunta asina coas Federacións Galega e Coruñesa de confrarías os convenios de colaboración para o seu funcionamento


As dúas entidades disporán de 93.000 euros cada unha no marco destes acordos

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou convenios de colaboración co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, e co da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso. Estes convenios, que se asinan cada ano, teñen como obxectivo financiar os gastos correntes que se produzan como consecuencia das actividades que desenvolva cada federación ao longo do 2019.

Deste xeito, con esta colaboración a Federación Galega disporá de 93.000 euros e a Federación Provincial de Confrarías da Coruña contará con outros 93.000 euros. Algúns dos gastos subvencionables a través destes convenios son os de contratación de persoal, amortizacións, financiamento de gastos correntes como por exemplo arrendamentos, reparacións, material de oficina, indemnizacións por razón de servizo, entre outros.

Para o control de cada un destes convenios crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros a designar por cada unha das partes asinantes. Por parte das federacións serán o presidente e o secretario e dous membros por parte da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro de 2019. Os convenios das federacións provinciais de Pontevedra e de Lugo asinaranse en vindeiros días.